10/09/2025 | Press release | Distributed by Public on 10/09/2025 07:17
9 de outubro de 2025
Desde o seu inicio, A Coruña é o único concello do Estado que participa de forma ininterrompida nesta iniciativa, que naceu hai vinte anos con sete municipios e que hoxe supera as trinta cidades participantes.
A iniciativa pon o foco na autoprotección no fogar, a evacuación en situacións de emerxencia e o uso de detectores de fume, e inclúe charlas veciñais e un simulacro real no antigo cine Avenida
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montse Paz presentaron esta mañá a programación da Semana da Prevención 2025, unha edición especial con motivo do seu 20º aniversario, que se desenvolverá ata o día 13 cun programa reforzado de actividades, simulacros e formacións. Tras o acto, achegáronse aos espazos habilitados na praza de María Pita para visitar o dispositivo instalado e coñecer de primeira man o inicio das actividades.
"A prevención é unha ferramenta fundamental para garantir a seguridade da veciñanza. Desde o primeiro momento apostamos por achegar coñecementos prácticos á cidadanía e construír entre todas e todos unha cidade máis preparada e consciente dos riscos cotiáns", destacou a alcaldesa, Inés Rey.
Desde o seu inicio, A Coruña é o único concello do Estado que participa de forma ininterrompida nesta iniciativa, que naceu hai vinte anos con sete municipios e que hoxe supera as trinta cidades participantes. A campaña está organizada en colaboración coa Fundación MAPFRE, a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) e o Servizo de Extinción de Incendios da Coruña.
No acto de presentación participaron representantes municipais e o director da Área de Prevención e Seguridade Viaria da Fundación MAPFRE, Jesús Monclús, quen puxo en valor o compromiso do Concello da Coruña coa educación preventiva en todos os ámbitos.
Formación e prevención ante emerxencias
O obxectivo da Semana da Prevención é achegar coñecementos básicos de autoprotección á cidadanía, poñendo o foco na identificación de riscos no fogar, nas escolas ou nos espazos públicos, e ofrecer ferramentas para actuar de maneira eficaz en caso de emerxencia.
O lema que resume esta filosofía é claro: "O mellor incendio é o que non se produce". Con esa premisa, a programación combina formación práctica, simulacros reais e actividades para público de todas as idades.
O Parque da Prevención, instalado na praza de María Pita, conta cunha vivenda hinchable de varias habitacións, que se enche con fume inocuo para simular situacións de baixa visibilidade. Nese espazo, nenos e adultos aprenden a evacuar correctamente unha casa e a aplicar medidas de autoprotección.
Durante os días laborables, en horario de mañá, acoden ao parque grupos escolares que participan en obradoiros específicos sobre:
Pola tarde, as actividades están abertas a toda a cidadanía e inclúen:
Talleres prácticos de reanimación cardiopulmonar
Simulacro no antigo cine Avenida e aposta polos detectores de fume
Como novidade salientable, esta edición inclúe a realización de simulacros reais, entre os que destaca o previsto no edificio do antigo cine Avenida, onde se poñerán a proba os protocolos de actuación en caso de emerxencia.
A organización da Semana da Prevención incide especialmente na concienciación sobre o uso de detectores de fume, dispositivos que poden marcar a diferenza entre a vida e a morte. Estudos demostran que aproximadamente o 70 % das mortes en incendios domésticos se producen por inhalación de fume, e non por queimaduras.
Por iso, o Concello apoia a súa instalación e lembra que, grazas ao convenio asinado o ano pasado en María Pita entre Fundación MAPFRE, o Colexio de Administradores de Fincas e a APTB, xa se distribuíron 400 detectores de fume en vivendas de persoas maiores ou con mobilidade reducida.
Charlas de prevención nos fogares a través do movemento veciñal
A programación municipal complétase cun programa de charlas en colaboración coa Federación de Asociacións Veciñais, que se desenvolverá nas próximas semanas en distintas comunidades e barrios da cidade. O obxectivo é achegar consellos prácticos de prevención de incendios no fogar e pautas de actuación básicas ante unha emerxencia doméstica.
Esta iniciativa reforza o compromiso municipal de levar a cultura da autoprotección a todos os ámbitos da vida cotiá, prestando especial atención ás persoas maiores, aos fogares unipersoais e ás familias con menos coñecemento sobre medidas de seguridade.
"A formación en seguridade non pode quedar só nos centros educativos ou nos servizos de emerxencia. Queremos chegar aos fogares, ás comunidades, aos barrios. Esa é a forza da prevención real e efectiva", sinalou a concelleira de Seguridade Cidadá, Montse Paz.