Ayuntamiento de A Coruña

11/13/2025 | Press release | Distributed by Public on 11/13/2025 13:48

A Coruña reivindica a pegada histórica de Castelao cunha exposición urbana na Praza de Lugo

Cando:

13 de novembro de 2025

A Coruña reivindica a pegada histórica de Castelao cunha exposición urbana na Praza de Lugo

A praza de Lugo acolle desde hoxe a nova mostra urbana sobre Castelao

A mostra promovida pola Fundación Castelao lembra os vínculos do político e artista co movemento galeguista e coa cidade herculina

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta tarde na Praza de Lugo na presentación da exposición urbana sobre a pegada de Castelao na cidade da Coruña, unha iniciativa promovida pola Fundación Castelao co apoio do Concello da Coruña no marco das actividades do Ano Castelao.

A mostra componse dunha serie de cubos expositivos que, a través de imaxes e textos breves, recollen os principais momentos da relación de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao coa cidade, desde as súas primeiras visitas como estudante e tuno, ata a súa intensa actividade política, artística e intelectual na capital herculina entre 1906 e 1936.

Durante o acto, Gonzalo Castro destacou "a importancia de manter viva a memoria dunha figura clave para o galeguismo, que atopou na Coruña un espazo de acollida, difusión e compromiso co país". O concelleiro subliñou tamén o apoio decidido do Goberno de Inés Rey "a proxectos culturais que achegan á cidadanía figuras que son referencia ética e política, como Castelao, cun discurso de vixencia incuestionable".

A exposición, que permanecerá instalada na Praza de Lugo durante as vindeiras semanas, ten un formato accesible e urbano, e busca pór en valor fitos como as exposicións artísticas nas que participou Castelao na cidade, a súa colaboración coa prensa local ou a súa intervención en momentos clave da historia política e cultural de Galicia, como a Asemblea das Irmandades da Fala ou a campaña a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia.

O soporte expositivo desta mostra foi recoñecido cun premio europeo de deseño, un feito que engade valor a unha proposta que combina contido histórico cun formato visual atractivo e contemporáneo.

No acto estiveron tamén presentes Iran Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que cofinancia a mostra; e outros representantes do mundo da cultura.

Esta exposición súmase á programación conmemorativa do 75 cabodano de Castelao, e forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe un percorrido urbano pola cidade centrado na súa figura, impulsado pola Fundación Castelao en colaboración co Concello da Coruña.

A iniciativa entronca coas políticas de defensa e promoción da cultura galega que está a desenvolver o Goberno de Inés rey, que abarcan desde a aprobación da primeira ordenanza de uso do galego ata a programación cultural de artistas locais e galegos, entre outras.

Ayuntamiento de A Coruña published this content on November 13, 2025, and is solely responsible for the information contained herein. Distributed via Public Technologies (PUBT), unedited and unaltered, on November 13, 2025 at 19:48 UTC. If you believe the information included in the content is inaccurate or outdated and requires editing or removal, please contact us at [email protected]