04/17/2026 | Press release | Distributed by Public on 04/17/2026 06:03
17 de abril de 2026
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, hoxe na apertura do seminario.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, defendeu unha xestión que potencie os atractivos e manteña o respecto á poboación local
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage, participou hoxe no V Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito do Turismo. A xornada congregou a representantes institucionais, profesionais e persoal experto do sector turístico de Galicia e Portugal, e tivo como obxectivo a reflexión conxunta para conseguir chegar a un modelo de crecemento que sexa sostible e respectuoso co territorio. Xunto ao concelleiro, participaron na charla de apertura Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, e Susana Ribeiro, presidenta do Grupo Temático de Turismo do Eixo Atlántico.
En representación da alcaldesa, Inés Rey, Lage afondou nas medidas que o Goberno local levou a termo nos últimos anos para, ao mesmo tempo, incentivar o investimento e as atraccións turísticas e acoutar aqueles efectos negativos que isto lle poida traer á poboación local.
"Trátase de atopar o equilibrio e avanzar cara a unha forma de facer as cousas que sexa beneficiosa para todo o mundo. Na Coruña temos un grande atractivo turístico que vai en aumento, e queremos que iso siga sendo así. No Goberno de Inés Rey queremos que sexa así nun contexto no que manteñamos a nosa esencia e se respecte a nosa forma de vivir", expuxo o tamén tenente de alcaldesa.
Ademais, o concelleiro tamén defendeu as políticas adoptadas polo executivo local para tratar de redistribuír os beneficios económicos que o turismo deixa na cidade. Especialmente, falou da taxa turística. "Os agoireiros dicían que a taxa ía acabar co turismo na cidade. A realidade foi outra. Demostrouse que ninguén vai deixar de vir por ter que pagar un ou dous euros. O certo é que, desde que a taxa se implantou, o turismo non só se mantivo senón que creceu".
O seminario foi organizado coa colaboración do Concello, da Deputación, do Eixo Atlántico e co apoio da Unión Europea a través do programa internacional Intereg Atlantic Area, e comezou onte cunha visita guiada pola cidade para profesionais participantes.