09/03/2025 | Press release | Distributed by Public on 09/03/2025 11:10
3 de setembro de 2025
A Casa Museo Casares Quiroga acolle a mostra sobre Francisco Miguel
A mostra, inaugurada na Casa Museo Casares Quiroga, enmárcase no compromiso do Concello coa preservación da memoria democrática e co apoio á cultura como elemento de cohesión social
O Concello da Coruña abriu este mércores ao público a exposición 'Francisco Miguel Fernández Díaz. 1897-1936', unha homenaxe institucional a un dos grandes referentes culturais e intelectuais da cidade, brutalmente silenciado tras o seu asasinato polo fascismo. A mostra, que poderá visitarse nas vindeiras semanas na Casa-Museo Casares Quiroga, foi presentada esta tarde nun acto que contou coa intervención do concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, e coa asistencia de representantes do ámbito artístico e cultural.
A exposición, surxida a partir do patrimonio artístico municipal, representa un novo chanzo na aposta do Goberno municipal pola cultura como ferramenta de recoñecemento e reparación, nun contexto de fortalecemento das políticas de memoria democrática e de apoio aos proxectos culturais que poñen en valor a identidade coruñesa.
A exposición marca o inicio dun ciclo de homenaxes que terá continuidade co enterro solemne de Francisco Miguel no cemiterio de San Amaro, tras a recuperación dos seus restos, e enmárcase nunha estratexia municipal máis ampla de recoñecemento das vítimas da represión e de apoio aos proxectos culturais que poñen en valor a identidade coruñesa.
Comisariada polo historiador Felipe Senén, a exposición ofrece un percorrido vital e artístico pola figura de Francisco Miguel, desde os seus inicios na Coruña ata o seu exilio, viaxeiro entre París, A Habana e México, tivo relación con personalidades como Diego Rivera, Siqueiros ou Frida Kahlo, sen esquecer o vínculo permanente coa súa cidade natal.
Durante o acto, o concelleiro de Cultura sinalou que "A Coruña é unha cidade comprometida coa súa historia e co recoñecemento daqueles que fixeron da liberdade e da dignidade un compromiso de vida. Hoxe abrimos un camiño para devolverlle a Francisco Miguel o lugar que lle corresponde na nosa memoria colectiva".
O evento contou tamén coa lectura dun texto do historiador Felipe Senén, quen apelou a "restaurar a memoria de Francisco Miguel, así de sinxelo, retirando o velo que oculta a historia de homes e mulleres que puxeron aura de dignidade a unha terra".
Con iniciativas como esta, o Goberno de Inés Rey continúa a construír unha cidade máis xusta, máis culta e máis consciente do seu pasado, apostando por unha cultura con memoria que contribúa á cohesión social e ao recoñecemento das vítimas da represión.
A mostra poderá visitarse na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) durante as vindeiras semanas. O Concello convida a toda a cidadanía a participar deste exercicio colectivo de memoria, identidade e cultura.